Resolución do expediente do Camiño da Misa: é publico.

O pasado día 2 de xullo o Pleno do Concello de Cuntis aprobaba, en pleno extraordinario, a proposta de resolución dos servizos técnicos municipais a respecto do conflito do Camiño da Misa, na aldea da Louriña. Como é ben sabido, este é un asunto de longo percorrido que levaba paralizado varios anos. Conseguimos reactivalo coa presentación da nosa moción do mes de xaneiro de 2017, a partires da cal se iniciou o procedemento de investigación por parte dos servizos técnicos municipais. Malia que o Goberno Municipal deixou caducar o expediente nun primeiro momento, unha vez retomado, tiveron lugar as pertinentes probas de recollida de testemuñas hai varias semanas.

O pretensión de Veciñanza foi, dende o comezo, a resolución dun caso que levaba anos enquistado e xerando unha confusión innecesaria. Canalizamos a solicitude dos veciños e veciñas da Louriña que pretendían a recuperación para o público dun vial ocupado. Finalmente, o pleno acordou decretar a titularidade pública do Camiño da Misa, a súa inscrición no inventario municipal e a recuperación do mesmo para a administración local.

Prodúcenos gran satisfacción ver como este procedemento chega ao seu fin logo termos impulsado a súa resolución. Alégranos que esta resolución se tivese producido en sentido favorable ao público, que é unha aspiración que sempre defendemos habendo, como é o caso, indicios claros e suficientes de que isto debía ser así.

Entendemos o exercicio da representación pública tal e como se desenvolveu este proceso: atendendo as demandas veciñais, coñecendo os casos de primeira, mantendo contacto real, traballando na documentación existente, canalizando cara o eido institucional esta demanda, insistindo na súa resolución e vendo cumpridos os obxectivos nunha resolución que favorece os intereses da maioría.

Pero ademais mantemos o noso compromiso innegociable coa transparencia. Velaquí podes consultar o expediente aprobado que contén todos os datos, así como as alegacións das partes e as resolución técnicas pertinentes:

consultar
Expediente Camiño da Misa
Share

Tamén pode gustarche...